Vouvos contar unha historia que sucedeu hai moito tempo e que aínda non lle contei ninguén...
Unha mañá calorosa de verán, ía paseando coa miña mascota Senda cara a veiga do meu pobo, por un camiño de terra, baixo a sombra das árbores, unha zona coñecida como Pedra Alta. A miña intención era darme un chapuzón no río, aínda que a auga vai moi fría e o leito está cheo de pedras que me dificultan andar. Gústame moito ver como nadan os peixes que se achegan a min sen medo, ás veces ata me fan cóxegas nos pés. Tamén me gusta escoitar os sons da natureza, paxaros, as follas das árbores que se moven lixeiramente, a auga que discorre lentamente... é moi relaxante.
Senda é unha femia de pastor alemán moi cariñosa, intelixente e bonita. Gústalle saír de paseo e estar coa xente. Sempre me acompaña cando vou só, como se fose a miña escolta.
De súpeto, Senda escapou detrás dun paxaro, chameina insistentemente, pero non facía caso. Tiven que ir a por ela. Adentreime nuns matorrais, atopei a miña cadela xogando cun esquío. Ao seu lado, no chan, había unha pedra de forma irregular, moi grande, duns dous metros de altura, era enorme, debía de pesar unha tonelada. Comencei a retirar a vexetación que a cubría e descubrín que había varios debuxos gravados na pedra. Na parte alta tiña unha espada cun cinto, na parte central un escudo. Na parte máis baixa unha figura que semellaba a silueta dunha persoa e un carro tirado por dous animais e unha lanza. Estaba alucinando, canto tempo levaría alí aquela pedra, para que servía, quen a fixo, por que estaba alí, que significaban todos aqueles símbolos? O que tiña claro é que ía a ser famoso polo descubrimento da pedra.
Pechei os ollos e comecei a pensar nas entrevistas para os xornais e programas de televisión, charlas en colexios, reportaxes... estaba desexando contarllo aos meus amigos, aos meus profesores a miña familia, a todo o mundo, non podía crer o que me estaba sucedendo, era marabilloso. Cando abrín os ollos a paisaxe xa non era a mesma. En lugar dos prados había un frondoso bosque de castiñeiros, nin rastro do camiño de terra, nin da ponte de madeira que cruzaba o río, o caudal do río aumentara moito e a auga que discurría con forza. Ía bastante frío, parecía que, de súpeto, chegara o outono. A pedra que acababa de achar, estaba cravada no chan, coma se fose un poste.
Que sucedera? Onde estaba Senda? Como se moveu a pedra? Pero sobre todo, onde estaba eu!
Estábame empezando a preocupar, collín o móbil para chamar aos meus pais pero, non había cobertura! Isto tiña que ser un pesadelo...
Seguín camiñando entre as árbores e vin que algo se movía, era un corzo. Tras del, un home de pequena estatura , rápido coma un raio, vestido con peles de animais ía cunha lanza na man. Tiña o pelo longo e un gran bigote, recordábame a Asterix. Nun intre, perdinos de vista. Cando estaba a piques de saír da arboreda, vin a uns nenos recollendo castañas e landras para unha cesta de cordas, vestidos de xeito similar ao cazador. Á saída do bosque había un prado con ovellas e cabras pastando. Un campo de millo, no que traballaba unha muller con dúas trenzas moi longas. Na beira do río, había un home cun arpón pescando.
Preto, na ladeira do monte divisei un poboado formado por unhas dez ou doce chozas de pedra de forma circular e tellado de palla, rodeado por unha muralla e un foso. Nese momento dinme de conta de que estaba un poboado celta, un castro celta.
De súpeto, os nenos que estaban recolectando os froitos acercáronse a min, e empezaron a falarme ninha lingua que descoñecia. Conseguimos entendernos a través de xestos. Leváronme o poboado, onde fun moi ben recibido. Estaban moi atarefados, ensináronme as tarefas cotiás como muxir as cabras, fiar e tecer liño e la, moer gran, elsborar pezas de cerámica e cestaría e agasalláronme un brazalete de coiro. A nai dos meus amigos estaba asando un cordeiro, invitáronme a xantar, a comida estaba boísima. Ao rematar xogamos ás agachadas. Adentreime na arboreda para esconderme, escoitei ladrar un can. Voteime a correr a través do bosque, tropecei coa póla dunha árbore e caín ao chan.
Cando espertei, Senda estaba ao meu lado. A pedra estaba de novo no chan, iba moita calor, xa non había castiñeiros, nin carballos, nin xente primitiva, nin ovellas, nin castros... todo fora un soño. Que decepción! Parecía tan real!
Nese momento, sooume o móbil, ao meter a man no peto, atopei o brazalete de coiro.
Fora un soño ou fora realidade, foi moi divertido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario